Thursday 28 de March de 2024

Medio Ambiente colabora na adecuación da ruta Veiga do Mandeo, no concello de Aranga


A actuación consiste no desbroce da vexetación da ribeira, na poda de árbores por risco de caída e na retirada manual de árbores caídas

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a acondicionar un treito de 2.500 metros da ruta Veiga do Mandeo, ao seu paso polo Concello de Aranga. O importe desta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) é de máis de 20.000 euros e estará rematada este mesmo mes.

O obxectivo é promover a interacción equilibrada entre o seu uso e a conservación dos seus valores naturais, en particular aqueles relacionados cos hábitats e especies de interese comunitario, co fin de mellorar o carácter de utilidade pública desta zona da Rede Natura 2000.

A actuación consiste na recuperación dun tramo mediante a limpeza do río ao longo de 2,5 quilómetros, para o que se levan a cabo traballos de desbroce da vexetación da ribeira e selección de brotes, a poda ou apeo de árbores con risco de caída e a retirada manual de árbores caídos.

A ruta Veiga do Mandeo, cunha lonxitude de 8.800 metros, discorre paralela ao río Mandeo ao seu paso pola parroquia de Aranga (Concello de Aranga) e unha gran parte do seu percorrido comprende terreos incluídos na Rede Natura 2000 (ZEC “Betanzos-Mandeo”) que foi declarado zona especial de conservación polo Decreto 37/2014 do 27 de marzo (DOG do 31 de marzo).

A orografía pola que transcorre esta ruta, próxima ao río, comprende unha zona practicamente cha constituída fundamentalmente por unha vexetación herbácea, manchas de vexetación arbórea autóctona e sebes naturais, que serven de limite entre os distintos predios, formando así o característico mosaico rural tradicional galego.

O bosque de ribeira constitúe un elemento fundamental para a recuperación e a conservación da biodiversidade. O mantemento e restauración dos distintos estratos que conforman este bosque de ribeira contribúen a equilibrar os procesos de erosión, freando os procesos de derrube e aportando estabilidade aos terreos aledaños, o cal proporciona un vínculo directo e positivo sobre a actividade agrícola nesta zona.